Conta atrás para a dobre cita feiral de Enerxétika e ExpoMunicipal, que reunirá nun mes aos sectores da enerxía e municipal

  • ESTES CERTAMES PARALELOS CELEBRARANSE DO 25 AO 27 DE MARZO NO RECINTO FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA (SILLEDA, PONTEVEDRA)

Silleda, 25 de febreiro de 2026.- A dobre cita feiral do salón de enerxía Enerxétika e o certame de servizos municipais ExpoMunicipal abrirá as súas portas exactamente nun mes, xa que terá lugar do 25 ao 27 de marzo.

Tras considerar os seus respectivos sectores que a súa celebración paralela en 2024 supuxo un acerto polos seus obxectivos comúns e gran capacidade de crear sinerxías, o recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA formulou de novo este evento de maneira conxunta para este ano e ultima xa os seus preparativos.

Así, a quinta edición de Enerxétika prepárase para ofrecer unha plataforma única para xerar negocio, intercambiar experiencias, poñer en valor o I+D+i e ser escaparate da transformación do sector. No salón converxerán todos os ámbitos e tipos de enerxía, dende convencionais e renovables ata eficiencia enerxética, mobilidade sostible, material e equipos para instalacións, electrónica industrial, iluminación, servizos ou formación. E xa son moitas as empresas e entidades que confirmaron a súa presenza na área expositiva para mostrar o presente e o futuro do sector.

Pola súa banda, a segunda convocatoria de ExpoMunicipal dará resposta ás necesidades e retos dos municipios e entidades territoriais ante o actual escenario social, o cal esixe cidades máis sostibles, eficientes, accesibles, seguras e verdes. Será así unha cita esencial para que as Administracións Locais coñezan todas as solucións que as empresas ofrecen para satisfacer as necesidades dos seus cidadáns, contándose xa para a súa área expositiva con destacas empresas de mobiliario urbano, limpeza, ciclo da auga, xestión e tratamento de residuos, medio ambiente, obra pública, sinalización, xardinería e paisaxismo, instalacións deportivas e de lecer, xestión cultural, venda de maquinaria, subministracións ou consultoría, entre outros.

Programas de alto valor

Ás áreas expositivas de Enerxétika e ExpoMunicipal sumaranse actividades de gran interese para os sectores implicados pola súa capacidade na transferencia de coñecementos.

En canto a Enerxétika, as xornadas técnicas seguirán sendo protagonistas, con temas de máxima actualidade abordados por recoñecidos relatores. Engadiranse presentacións, talleres, encontros, unha área divulgativa para o público xeral, probas de vehículos con combustibles alternativos e o SIE – Salón da Innovación Enerxétika, un espazo que poñerá en valor a aposta pola innovación, a sustentabilidade, o desenvolvemento de enerxías renovables e a eficiencia enerxética.

Pola súa banda, ExpoMunicipal incluirá xornadas con temáticas de gran actualidade na xestión municipal. Engadirá presentacións e demostracións que permitirán comprobar in situ as utilidades de distintos produtos, servizos e sistemas expostos na feira.