- ADEMAIS DE PROPOSTAS EXPOSITIVAS E ACTIVIDADES DESTINADAS A PROFESIONAIS DO SECTOR, ESTE EVENTO TAMÉN CONTARÁ CON ESPAZOS E OBRADOIROS ORIENTADOS A ALUMNOS DE DIVERSAS IDADES
- ESTARÁN OPERATIVOS TODOS OS DÍAS DA FEIRA, A CAL SE CELEBRARÁ DO 25 AIO 27 DE MARZO NO RECINTO FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA
Silleda, 11 de marzo de 2026.- A feira Enerxétika 2026, a cal se celebrará na Feira Internacional de Galicia ABANCA do 25 ao 27 de marzo de forma paralela ao salón de servizos municipais ExpoMunicipal, será un efectivo foro para empresas e profesionais do sector da enerxía, pero tamén un espazo divulgativo no que estará moi presente a educación enerxética do consumidor e dos máis novos.
Así, tendo en conta a importancia de fomentar a conciencia ambiental, promover hábitos responsables e preparar a futuros cidadáns e profesionais, o seu programa contempla propostas dirixidas a alumnado de distintas idades.
Por unha banda, incluirá unha gran área divulgativa promovida por Sotavento co apoio do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), a cal estará dispoñible durante os tres días do certame. Contará cun equipo multidisciplinar composto por enxeñeiros, educadores e un economista, os cales poderán descubrir e resolver as cuestións máis diversas relacionadas coa enerxía que lles trasladen tanto os escolares como os consumidores que acudan á feira.
Incluirá distintas zonas temáticas con demostracións prácticas, actividades, paneis informativos e espazos de proxección audiovisual tanto para aprender sobre o ámbito enerxético en xeral como para coñecer medidas de aforro e eficiencia aplicadas á nosa vida cotiá. Así, mostrará as diferentes formas de obter enerxía, analizará a diferenza entre fontes de enerxía renovables e non renovables, expoñerá as aplicacións das fontes renovables, explicará o noso balance enerxético nacional e convidará a reflexionar sobre o impacto da enerxía no medio e sobre a necesidade dun consumo enerxético eficiente e responsable. Ademais, sumaranse talleres con propostas que achegarán a enerxía solar térmica, fotovoltaica e eólica de forma práctica e experimenta, con creación de circuítos, quecemento de obxectos e construción de mini turbinas.
O Parque Eólico Experimental Sotavento, situado na “Serra dá Loba”, entre os concellos de Xermade (Lugo) e Monfero (A Coruña), xurdiu hai 25 anos como un proxecto novo no campo das enerxías renovables. Xestionado pola Fundación Sotavento Galicia, converteuse nun referente na investigación e divulgación das enerxías renovables, do aforro enerxético e da súa interrelación co medio ambiente. Un proxecto que é avalado polas máis de 320.000 persoas que teñen visitaron, así como pola posta en marcha de pioneiros proxectos de investigación e demostración.
“Enerxía con raíces, xuntos damos enerxía ao futuro”
Tamén durante a feira desenvolverase o programa educativo “Enerxía con raíces, xuntos damos enerxía ao futuro”. Organizado pola Fundación Naturgy e dirixido a escolares de educación secundaria e bacharelato, a súa finalidade é que o alumnado comprenda o funcionamento integral do sistema enerxético e o papel que desempeña Galicia dentro do mesmo, achegando unha visión rigorosa, actualizada e aliñada cos retos da transición enerxética.
Os seus contidos principais versarán sobre a cadea de valor da enerxía, desde a xeración ata o transporte, distribución e comercialización, e tamén sobre o papel das enerxías renovables en Galicia, as infraestruturas estratéxicas e seguridade na subministración, o impacto económico e social do sector e o consumo responsable e eficiencia enerxética.
Ademais, levarán a cabo talleres participativos baixo o título “O trilema enerxético en acción”, os cales analizarán o equilibrio entre sustentabilidade, seguridade de subministración e custo enerxético.


































