- UN XURADO PROFESIONAL E INDEPENDENTE FOI O ENCARGADO DE AVALIAR AS PROPOSTAS REMITIDAS PARA DETERMINAR AS QUE FINALMENTE TEÑEN PRESENZA NESTA ÁREA, AS CALES SUPOÑEN UN 18% MÁIS QUE NA ANTERIOR CITA E REFLICTEN O ALTO NIVEL TECNOLÓXICO DO EVENTO
- OS VISITANTES PODERÁN COÑECELAS NESTA FEIRA DO SECTOR DA ENERXÍA DO 25 AO 27 DE MARZO
Silleda, 20 de marzo de 2026.- A feira de enerxía Enerxétika, a cal celebrará a súa quinta edición do 25 ao 27 de marzo no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda, Pontevedra) co patrocinio ouro de Red Eléctrica e prata de Serveo, ultima xa a súa exposición e programa de actividades.
Así, xa se decidiron os proxectos que formarán parte do seu Salón da Innovación Enerxétika (SIE), espazo que ten como obxectivo poñer en valor proxectos innovadores no ámbito da sustentabilidade, a eficiencia enerxética e as enerxías renovables.
Un xurado profesional e independente, formado por profesionais de recoñecido prestixio no ámbito da enerxía na Comunidade galega e coordinado polo Clúster de Enerxías Renovables de Galicia (Cluergal), foi o encargado de avaliar as propostas remitidas para determinar as que finalmente teñen presenza no certame.
Os proxectos seleccionados foron trece, un 18% máis que na anterior edición, o que reflicte o alto nivel de innovación da feira. Estes son o Raptor Micro-nova, sistema automático de detección e extinción de incendios para cadros eléctricos e paneis críticos de alta fiabilidade e protección inmediata composto por ampolas termosensibles de activación ultrarrápida, de A-Ex Protecfire; e dous proxectos, o H2Driven, centrado no desenvolvemento dunha nova cadea de valor baseada na produción de hidróxeno verde e metanol renovable, e o Icarus, que busca desenvolver e validar tres rutas para producir combustible sostible de aviación (SAF) a partir de biomasa e residuos, ambos de Bioref. Tamén desta empresa seleccionouse unha tecnoloxía avanzada para a produción de biometano a partir de biomasas residuais mediante gasificación integrada con metanación e uso de hidróxeno renovable.
Súmanse a este espazo o centro de mando para a xestión avanzada da iluminación pública e de eventos integrado na contorna urbana con deseño coidado e personalizable, gran robustez e capacidade tecnolóxica, de Edigal; a instalación xeotérmica centralizada nun edificio residencial en Vigo onde se substituíu o sistema tradicional de caldeiras de gas por unha solución baseada en bombas de calor xeotérmicas con captación no garaxe, o cal reduce en máis dun 30% o consumo de enerxía primaria non renovable, do Grupo Energanova,; o primeiro dispositivo integral de detección térmica e extinción para prazas de aparcamento de vehículos eléctricos, chamado Ev-car Safe, o cal integra detección de temperatura e descarga de auga dirixida aos baixos do vehículo, de Engineered Fire Piping; e a nova gama de bombas de calor Monobloco Drive R290, de alta temperatura e capacidade con potencias nominais en calefacción desde 20 ata 75 kw, con máxima eficiencia A+++ e bomba hidráulica para a conexión a acumuladores de auga quente sanitaria, radiadores, solo radiante e outras aplicacións, de Eurofred.
Ademais, participan neste espazo o Escudo Térmico Total, un recubrimento baseado en tecnoloxía aeroespacial xaponesa que mellora o illamento térmico en fachadas e cubertas, con espesor moi reducido que pode reducir ata 20 °C en cubertas e 15º no interior e permite aforros en climatización de ata o 50%, de Fischer; o modelo Conecta Renovables, de agregación de demanda de usuarios que habilita, por unha banda, a conexión de varios consumidores a centrais de xeración con xestión personalizada a través dunha plataforma tecnolóxica propia, e, por outro, dá certeza e optimización de prezos aos titulares das devanditas centrais, de Gaba Enerxía; e tamén unha plataforma dixital deseñada para axudar a reducir gastos de enerxía tanto en fogares como negocios que actúa como un asesor enerxético independente, chegando os seus usuarios a un aforro medio do 23%, de Oiio.
Tamén se poden coñecer un sistema de integración da produción fotovoltaica dentro dun sistema avanzado de xestión enerxética que permite unha visión completa do seu ciclo enerxético, unindo consumo e xeración nunha mesma plataforma, de CO2 Smart Tech, e solucións de ecosistemas intelixentes de almacenamento de enerxía de alta densidade que permite mitigar o desaxuste entre a produción e consumo final, de SunEnergy.
Espazo exclusivo
Todos os proxectos mostraranse a través de paneis nos que se poderán ver fotografías e un texto informativo sobre cada un deles. Estes situaranse nun espazo exclusivo para o Salón de Innovación Enerxétika (SIE).
Ademais, todas as empresas que presentan as innovacións teñen presenza expositiva na feira, polo que é posible coñecer estas propostas e consultar dúbidas aos seus promotores nos propios stands.


































