Diego Calvo destaca que as feiras ExpoMunicipal e Enerxética converten estes días a Galicia en referente en servizos no ámbito local e no sector da enerxía

  • O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes en funcións visitou esta mañá os expositores de ambos eventos, que suman 520 firmas de 24 países e un ampla programación paralela de actividades e demostracións 

Silleda (Pontevedra), 12 de abril de 2024. – O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes en funcións, Diego Calvo, visitou esta mañá os expositores da primeira edición da feira de servizos municipais ExpoMunicipal e da cuarta da feira de enerxía Enerxétika, que desde onte e ata mañá se celebran no recinto da Feira Internacional de Galicia ABANCA en Silleda. Á visita tamén asistiron a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto; o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva; o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e o director da Fundación Semana Verde, Ricardo Durán.

Diego Calvo destacou que o feito de que coincidan ambos eventos supón un valor engadido e crea un espazo de converxencia entre empresas, institucións, profesionais e consumidores onde están presentes 520 firmas de 24 países. Así, Galicia convértese en punto de encontro a nivel peninsular para coñecer a mellor oferta de produtos, servizos e últimas tecnoloxías de utilidade para os municipios na prestación de servizos de calidade á súa veciñanza. Tamén permite demostrar por que a comunidade galega é referente en enerxías renovables.

>>> Fotografías de Enerxétika 2024