- ORGANIZADO POLO INSTITUTO IBEROAMERICANO DE ENXEÑEIROS DA ENERXÍA – 3IE ENERGÍA, CELEBRARASE DURANTE A PRIMEIRA XORNADA DO CERTAME, QUE TERÁ LUGAR DO 11 AO 13 DE ABRIL NA FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA
- ADEMAIS DOUTROS FOROS E XORNADAS DESENVOLVIDAS POR CLÚSTERS, FEDERACIÓNS E A ADMINISTRACIÓN, A FEIRA ACOLLERÁ TAMÉN CONFERENCIAS DE EMPRESAS PRESENTES NA ÁREA EXPOSITIVA
Silleda, 8 de abril de 2024.- A feira Enerxétika 2024, a cal se celebrará de forma paralela ao salón de servizos municipais ExpoMunicipal do 11 ao 13 abril, ultima xa o seu programa na Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda, Pontevedra).
Unha das súas actividades destacadas será o III Foro Iberoamericano de Enxeñeiros da Enerxía, organizado polo Instituto Iberoamericano de Enxeñeiros da Enerxía– 3IE ENERXÍA, o cal contará con reputados enxeñeiros que expoñerán experiencias e casos de éxito, analizando distintos aspectos relacionados co sector enerxético tanto en diversos países de Latinoamérica como na Península Ibérica.
Así, expoñerase a política enerxética en Portugal, de man de Celso Marino Sousa, de Ertec, e tamén o mercado eléctrico chileno respecto a os retos de protección ao consumidor e a garantía de investimento, por parte de Ana Paola Purizaca, do grupo Saesa,
Tamén se falará sobre hidróxeno verde, sendo o encargado de facelo Joaquín Grassi, de Energylab; das auditorÍas enerxéticas e a oportunidade para os Certificados de Aforro Enerxético, a cargo de Julio Vale, de SGS; de xestión enerxética industrial e casos de éxito na xestión de equipos auxiliares, de man de Carlos Vázquez-Pimentel, de CO2 Smart Tech; e de rehabilitación enerxética integral de edificios, por parte de Diana Martínez, de Envoltia.
Sumaranse nos temas abordados a telexestión de iluminación e os centros de mando como nodos de comunicación, que explicará Iago Martínez, de Edigal, e os refrixerantes ecolóxicos e a bomba de calor de CO2 Daitsu HT Pro para ACS, sendo neste caso Silvia Fernández de Eurofred a encargada de dalos a coñecer aos asistentes.
Así mesmo, Luis Jorge Méndez, da Universidade da Coruña, falará no foro de metodoloxía de avaliación socioeconómica de proxectos de transición enerxética en edificios públicos; Yulimar Rincón, de SGS, analizará a mobilidade eléctrica respecto a infraestrutura eléctrica de recarga con subministracións en baixa e alta tensión en emprazamentos existentes; Gonzalo Veiras, de Applus+, expoñerá o seu punto de vista sobre a dixitalización do mantemento eólico, e Laura Rodríguez, de Instra, fará o propio co sistema de detección e monitorización da avifauna en entorno de parques eólicos MakeMake.
Propostas de expositores
Ademais de este e outros foros e tamén xornadas desenvolvidas por clústers, federacións e a administración, a feira acollerá conferencias de empresas presentes na área expositiva.
Así, sobre o certificado de aforro de enerxía (CAE) falarase nunha xornada de Enertra, mentres que ao poder do autoconsumo para potenciar a competitividade das empresas referirase noutra conferencia Juan Sanjorge, delegado territorial de Nexus Energía.
A xornada “Renovables e sen gabia”, de Sistemas de Perforación expoñerá de man de Juan Peretó esta tecnoloxía de instalación de parques de enerxías renovables sen escavacións, á vez que Lida Roca, directora xeral de Magnon Servicios Energéticos expoñerá a biomasa como peza cave para a descarbonización da industria nunha xornada organizada polo Grupo Ence.
Por outra banda, o programa tamén incluirá a xornada titulada “Dedde a xestión do residuo á enerxía do teu negocio: Axpo Iberia presente en toda a cadea de subministración”, organizada por Axpo Iberia e impartida por Aquilino Bugarín, de Kam Sme Sales.
Así mesmo, Ecogal levará a cabo tres conferencias. A primeira delas centrarase en seguridade de sistema fotovoltaico – solución solar, sendo o encargado de conducila Salvador Piñera, sales manager de North West Spain; a segunda presentará o escudo térmico total Fischer Ibérica, de man de Marcos Cáceres, area manager da compañía; e a terceira explicará as vantaxes competitivas da solución Enphase Energy, sendo o encargado de facelo Darío Gallego, field application engineer EMEA da empresa.