Enerxétika 2024 presentou o seu espazo de innovación SIE dando protagonismo a cada un dos once proxectos seleccionados

  • NO ACTO INTERVIÑERON REPRESENTANTES DAS EMPRESAS E ENTIDADES PROMOTORAS DAS PROPOSTAS PRESENTES, QUENES AS EXPLICARON BREVEMENTE
  • ESTE ESPAZO PÓDESE VISITAR NO MARCO DO SALÓN ENERXÉTICO ATA O VINDEIRO SÁBADO

Silleda, 11 de abril de 2024.- A feira de enerxía Enerxétika, a cal se celebra dende hoxe ata o vindeiro sábado na Feira Internacional de Galicia ABANCA, presentou esta tarde o seu Salón da Innovación Enerxétika (SIE), un espazo que ten como obxectivo poñer en valor proxectos innovadores no ámbito da sustentabilidade, a eficiencia enerxética e as enerxías renovables.

No acto participaron Fernando Blanco e Oriol Sarmiento, respectivamente presidente e secretario do xurado independente encargado de avaliar as propostas remitidas para determinar as que finalmente teñen presenza neste espazo, o cal estivo composto por profesionais de recoñecido prestixio membros do Foro Enerxético de Galicia. Como presidente Fernando Blanco destacou o alto nivel dos proxectos presentados, ao tempo que avogou pola necesidade de apostar pola innovación e a formación no sector da enerxía e subliñou a importancia do binomio dixitalización e enerxía para acadar os obxectivos desta década.

Así mesmo, nesta presentación participaron representantes das empresas e entidades promotoras dos proxectos presentes no SIE, quen explicaron brevemente as particularidades das súas propostas.

Os once proxectos

Así, os participantes puideron ampliar a información contida nos paneis informativos do SIE, coñecendo detalles do proxecto Cetric, un servizo de recarga de vehículos para municipios integral e diferenciador por estar baseado nunha colaboración público-privada, presentado por ASV Soluciones Eficientes; do microinversor IQ8P de Enphase, presentado por Ecogal como o sistema máis seguro e máis potente do mercado para paneis solares; o proxecto de dixitalización de infraestruturas e xestión enerxética intelixente dos portos de Moaña e Cambados que supón melloras significativas na súa eficiencia operativa e sustentabilidade ambiental, presentado por Edigal, e tamén dos dous proxectos de Energylab, o Aldealix, que ten como obxectivo poñer en valor e potenciar o uso de recursos forestais para xerar calor impulsando a creación de comunidades enerxéticas locais baseadas en astilla e biomasa forestal que incorporan ao mesmo tempo xeración fotovoltaica, e do Hydea, o cal pretende promover o uso de tecnoloxías baseada en hidróxeno verde procedente de renovables nos portos da área atlántica.

Tamén se explicaron os detalles do escudo térmico total de Fischer Ibérica, unha membrana illante con partículas microcerámicas con excelentes calidades como illante térmico, impermeabilizante, anticondensacións e de resistencia ao lume que pode reducir os gastos de calefacción e aire acondicionado entre un 30-50%; do Makemake, intelixencia artificial aplicada á protección das aves que reduce o seu risco de colisión contra os aeroxeradores nos parques eólicos, que presenta Instra Ingenieros; do cargado de vehículos eléctricos Track S2, desenvolvido por Lumosa para ser un produto de uso sinxelo e intuitivo que se pode utilizar de forma doméstica ou empresarial; e do piloto de flexibilidade Nexusflex, que permite modular a demanda eléctrica a través da monitorización dos equipos de refrixeración para beneficiarse das horas máis baratas no mercado OMIE, presentado por Nexus Enerxía.

Ademais, sumáronse as descricións de cadro eléctrico Plug&Play, unha solución de Quadrisol-Sapol para a protección eléctrica de plantas fotovoltaicas que inclúe investidores solares, instalación de comunicacións para monitorear a produción e consumo e panel eléctrico coas respectivas proteccións, e tamén da tecnoloxía Renovables y Sin Zanja, presentada por Sistemas de Perforación, a cal elimina a necesidade de realizar escavacións, reducindo o impacto ambiental, os custos e o tempo de instalación.

>>> Fotografías de Enerxétika 2024