- A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, participaron na inauguración dos eventos
- A dobre cita desenvolverase na Feira Internacional de Galicia ABANCA ata o sábado, con 520 firmas de 24 países e un amplo programa de actividades
Silleda (Pontevedra), 11 de abril de 2024.- A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, participaron na inauguración da cuarta edición da feira da enerxía Enerxétika e da estrea da feira de servizos municipais ExpoMunicipal, que comezaron hoxe na Feira Internacional de Galicia ABANCA. A dobre cita desenvolverase ata o sábado con 520 firmas de 24 países e un amplo programa de actividades.
Segundo sinalou a directora xeral de Administración Local, ExpoMunicipal nace “cunha vocación clara de servir os concellos galegos”. O evento, apuntou, ofrécelles aos xestores municipais un punto de encontro onde afondar na oferta de solucións existente no mercado para a prestación duns servizos de calidade á veciñanza, grazas aos máis de 70 expositores directos, procedentes de seis países. A maiores, suporá tamén un foro de intercambio de experiencias e coñecementos, especialmente a través do congreso Concellos 2030 que integra e no que se abordarán temas como o ciclo da auga, a mobilidade urbana, o aforro enerxético ou a xestión dos residuos.
Por outra banda, Natalia Prieto destacou o interese da conxunción de ExpoMunicipal e Enerxética para os seus respectivos sectores polas sinerxías entre ambas as temáticas, xa que a eficiencia enerxética está entre as principais preocupacións entre as administracións locais. Nesta liña lembrou o apoio da Xunta aos concellos para impulsar medidas que favorezan o aforro e o confort nas súas instalacións, con liñas de axuda como a Orde de infraestruturas de uso público, o Fondo de Compensación Ambiental, o fondo adicional do Fondo de Cooperación Local ou a nova orde plurianual destinada especificamente a obras de mellora enerxética. Todas elas suman un orzamento de case 22 millóns de euros.
Galicia, referente en renovables
O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, e director do Instituto Enerxético de Galicia, Pablo Fernández Vila, tamén estivo presente na inauguración da feira, que definiu como un espazo de converxencia entre empresas, institucións, profesionais e consumidores nun contexto de vital importancia para o sector.
Fernández Vila sinalou que é un evento necesario en Galicia por ser un referente en enerxía renovable. E lembrou que así o constatan os datos de xeración eléctrica de 2023, que indican que a produción renovable na Comunidade aumentou un 23,9% respecto ao ano anterior, ata acadar o 75,3% de toda a electricidade xerada en Galicia o pasado ano, a terceira porcentaxe de participación das renovables no mix enerxético rexional máis alto de España.