- CLUERGAL, ACLUXEGA E O CLÚSTER DA BIOMASA DE GALICIA VOLVEN IMPLICARSE TANTO NA ÁREA EXPOSITIVA DA FEIRA COMO NO SEU PROGRAMA DE ACTIVIDADES
- FOROS, XORNADAS, MESAS DE DEBATE E ASEMBLEAS SERÁN ALGUNHAS DAS SÚAS PROPOSTAS DURANTE OS DÍAS DO CERTAME, O CAL SE CELEBRARÁ DO 11 AO 13 DE ABRIL NA FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA
Silleda, 3 de abril de 2024.- A feira Enerxétika 2024, a cal se celebrará do 11 ao 13 de abril no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda, Pontevedra), volve contar co apoio de todos os clústers galegos da enerxía.
Así, estarán presentes na área expositiva o Clúster de Enerxías Renovables de Galicia (Cluergal), a Asociación Clúster da Xeotermia Galega (Acluxega) e o Clúster da Biomasa de Galicia. Ademais de participar como entidade, todos eles estarán acompañados de distintas empresas asociadas nos seus stands.
Así mesmo, estas agrupacións programaron no certame distintas actividades, tanto internas como orientadas á divulgación entre os visitantes. Así, o Clúster de Enerxías Renovables de Galicia organizará o primeiro día unha mesa de debate centrada na transición enerxética en Galicia e a importancia da cadea de subministración, ademais de aproveitar o marco da feira Enerxétika para levar a cabo a súa asemblea xeral de socios.
En canto á Asociación Clúster da Xeotermia Galega, as súas propostas desenvolveranse o venres, segundo día do certame. Así, realizará unha xornada técnica na que se expoñerán casos prácticos de xeotermia. Ademais, celebrará a súa asemblea xeral e unha reunión da xunta directiva da entidade.
V Foro da Biomasa de Galicia
Pola súa banda, o Clúster da Biomasa de Galicia levará a cabo durante toda a mañá do xoves 11 de abril a quinta edición do Foro da Biomasa de Galicia, cuxos detalles ultima estes días.