- TRAS O SEU ÉXITO NA PASADA CITA, ESTA ÁREA DE INNOVACIÓN REGRESA Á CUARTA EDICIÓN DA FEIRA, A CAL TERÁ LUGAR DO 11 AO 13 DE ABRIL
- UN XURADO PROFESIONAL E INDEPENDIENTE FORMADO POR MEMBROS DO FORO ENEXÉTICO DE GALICIA VALORARÁ TODOS AS PROPOSTAS REMITIDAS PARA DETERMINAR AS QUE FINALMENTE TERÁN PRESENZA NO SALÓN
Silleda, 29 de febreiro de 2024.- A feira Enerxétika prepárase para celebrar a súa cuarta edición no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA, a cal se converterá do 11 ao 13 de abril en punto de encontro do sector da enerxía.
Durante estes tres días, e tras o éxito da súa pasada convocatoria, o certame contará de novo co Salón da Innovación Enerxétika (SIE), un espazo dedicado a poñer en valor proxectos innovadores no ámbito da sustentabilidade, a eficiencia enerxética e as enerxías renovables en calquera dos subsectores do certame.
Os proxectos que terán presenza nesta área serán seleccionados entre todas as propostas recibidas por un xurado profesional e independente, totalmente alleo á organización. Estará formado por membros do Foro Enerxético de Galicia, grupo de debate representado por profesionais de recoñecido prestixio no ámbito da enerxía na Comunidade galega.
Establecéronse dúas seccións, profesional e académica. Na primeira poden participar empresas e entidades, públicas e privadas, tanto que sexan expositoras ou coexpositoras de Enerxétika como que non o sexan, aínda que para estas últimas terá custo e para as primeiras non. A segunda sección está orientada a alumnos de Escolas Universitarias, centros de Formación Profesional e outras entidades educativas, para as que a inscrición é gratuíta.
Cada empresa ou entidade pode presentar máis dun proxecto, o cal, se é seleccionado, mostrarase no SIE a través dun panel no que se poderán ver fotografías e información, outorgándolle gran visibilidade entre o público. Para optar a participar neste espazo exclusivo, os proxectos deben estar en funcionamento ou ter posibilidades reais de aplicación no mercado. As condicións de participación poden consultarse na web da feira, www.enerxetika.com
Interesantes proxectos na pasada edición
Na última convocatoria de Enerxétika, celebrada en 2022 e na cal se estreou o SIE, o xurado seleccionou 18 proxectos de gran interese, como foron un método de inspección e ensaios en plantas fotovoltaicas que melloraba o método convencional, un canón de vento contra incendios forestais, a dixitalización e estratexia de enerxía de supermercados ecoeficientes, a implantación dun sistema de certificación de sustentabilidade de biocombustibles sólidos, cadros eléctricos intelixentes, baterías híbridas e portátiles de última xeración, unha unidade mixta de gas renovable e un proxecto centrado en promover un uso máis eficiente nos recursos do sector avícola.
Tamén se mostraron unha aplicación distribuída para rexistro e certificación de aforros de enerxía, emisións de CO2 e xeración renovable; as primeiras persianas fotovoltaicas do mundo, recuperadores de alta eficiencia descentralizados, unha caldeira de pellets sen emisión de partículas, unha actuación centrada na sensibilización de iluminación pública responsable e defensa dunha paisaxe nocturna non contaminada, un proceso de dixitalización da cadea de valor agroalimentario, un equipo multiproceso térmico e simulación CFD e DES para procesos de desconxelación, atemperamento, cocción e esterilización no sector alimentario; solucións de mobilidade para a mellora operativa dos parque eólicos, un departamento técnico comercial virtual para impulsar a sustentabilidade e ademais un sistema de preparación, subministración e manexo de lastre fluído para turbinas eólicas flotantes.