- ESTE ESPAZO, PROMOVIDO POR SOTAVENTO CO APOIO DO INSTITUTO ENERXÉTICO DE GALICIA (INEGA), CONTARÁ CON DISTINTAS ÁREAS TEMÁTICAS DIRIXIDAS A TODOS OS PÚBLICOS, ADEMAIS DE TALLERES E DEMOSTRACIÓNS PARA ESCOLARES
- PODERASE VISITAR DURANTE OS TRES DÍAS DO CERTAME, O CAL SERÁ DO 11 AO 13 DE ABRIL NA FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA
Silleda, 20 de marzo de 2024.- A feira Enerxétika 2024, a cal se celebrará no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA do 11 ao 13 de abril, contará cunha gran área divulgativa coa que se pretende achegar o mundo da enerxía a todos os públicos.
Este espazo, promovido por Sotavento co apoio do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), estará dispoñible durante os tres días do certame e contará cun equipo multidisciplinar composto por enxeñeiros, educadores e un economista, os cales poderán descubrir e resolver as cuestións máis diversas relacionadas coa enerxía.
Así, incluirá distintas zonas temáticas con demostracións prácticas, actividades, paneis informativos e espazos de proxección audiovisual tanto para aprender sobre o ámbito enerxético en xeral como para coñecer medidas de aforro e eficiencia aplicadas á nosa vida cotiá. Así, mostrará as diferentes formas de obter enerxía, analizará a diferenza entre fontes de enerxía renovables e non renovables, expoñerá as aplicacións das fontes renovables, explicará o noso balance enerxético nacional e convidará a reflexionar sobre o impacto da enerxía no medio e sobre a necesidade dun consumo enerxético eficiente e responsable.
Para o público máis novo, ademais desta exposición, levaranse a cabo talleres conducidos por educadores, ademais de demostracións como as centradas no funcionamento de placas solares fotovoltaicas, dunha cociña solar ou pequenos sistemas hidráulicos. Estas e outras actividades conformarán ademais un programa específico para escolares, do cal desfrutarán durante os dous primeiros días do certame alumnos de primaria de distintos centros.
Más de 23 anos de divulgación e investigación
O Parque Eólico Experimental Sotavento, situado na “Serra da Loba”, entre os concellos de Xermade (Lugo) e Monfero (A Coruña), xurdiu hai máis de 23 anos como un proxecto novo no campo das enerxías renovables. Xestionado pola Fundación Sotavento Galicia, converteuse nun referente na investigación e divulgación das enerxías renovables, do aforro enerxético e da súa interrelación co medio ambiente. Un proxecto que é avalado polas máis de 300.000 persoas que o teñen visitado, así como pola posta en marcha de pioneiros proxectos de investigación e demostración.