- UN XURADO PROFESIONAL E INDEPENDENTE FOI O ENCARGADO DE EVALUAR AS PROPOSTAS REMITIDAS PARA DETERMINAR AS QUE FINALMENTE TEÑEN PRESENZA NESTA ÁREA, DENOMINADA SIE
- OS VISITANTES PODERÁN COÑECELAS NESTE CERTAME DO SECTOR DA ENERXÍA DO 11 AO 13 DE ABRIL
Silleda, 5 de abril de 2024.- A feira de enerxía Enerxétika, a cal celebrará a súa cuarta edición do 11 ao 13 de abril no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA, ultima xa a súa exposición e programa de actividades.
Así, xa se decidiron os proxectos que formarán parte do seu Salón da Innovación Enerxétika (SIE), espazo que repite na feira tras o éxito da súa pasada edición e que ten como obxectivo poñer en valor proxectos innovadores no ámbito da sustentabilidade, a eficiencia enerxética e as enerxías renovables.
Un xurado profesional e independente, formado por profesionais de recoñecido prestixio membros do Foro Enerxético de Galicia, foi o encargado de avaliar as propostas remitidas para determinar as que finalmente teñen presenza no certame.
Os seleccionados foron o proxecto Cetric, un servizo de recarga de vehículos para municipios integral e diferenciador por estar baseado nunha colaboración público-privada, presentado por ASV Soluciones Eficientes; o microinversor IQ8P de Enphase, presentado por Ecogal como o sistema máis seguro e máis potente do mercado para paneis solares; o proxecto de dixitalización de infraestruturas e xestión enerxética intelixente dos portos de Moaña e Cambados que supón melloras significativas na súa eficiencia operativa e sustentabilidade ambiental, presentado por Edigal, e tamén dous proxectos de Energylab, o Aldealix, que ten como obxectivo poñer en valor e potenciar o uso de recursos forestais para xerar calor impulsando a creación de comunidades enerxéticas locais baseadas en astillas e biomasa forestal que incorporan ao mesmo tempo xeración fotovoltaica, e o Hydea, o cal pretende promover o uso de tecnoloxías baseada en hidróxeno verde procedente de renovables nos portos da área atlántica.
Tamén estará no SIE o escudo térmico total de Fischer Ibérica, unha membrana illante con partículas microcerámicas con excelentes calidades como illante térmico, impermeabilizante, anticondensacións e de resistencia ao lume que pode reducir os gastos de calefacción e aire acondicionado entre un 30-50%. Sumaranse o Makemake, intelixencia artificial aplicada á protección das aves que reduce o seu risco de colisión contra os aeroxeradores nos parques eólicos, que presenta Instra Enxeñeiros; o cargado de vehículos eléctricos Track S2, desenvolto por Lumosa para ser un produto de uso sinxelo e intuitivo que se pode utilizar de forma doméstica ou empresarial; e o piloto de flexibilidade Nexusflex, que permite modular a demanda eléctrica a través da monitorización dos equipos de refrixeración para beneficiarse das horas máis baratas no mercado OMIE, presentado por Nexus Enerxía.
Ademais, seleccionouse para o SIE o cadro eléctrico Plug&Play, unha solución de Quadrisol-Sapol para a protección eléctrica de plantas fotovoltaicas que inclúe inversores solares, instalación de comunicacións para monitorear a produción e consumo e panel eléctrico coas respectivas proteccións. Tamén estará a tecnoloxía Renovables y Sin Zanja, presentada por Sistemas de Perforación, a cal elimina a necesidade de realizar escavacións, reducindo o impacto ambiental, os custos e o tempo de instalación.
Espazo exclusivo
Todos os proxectos mostraranse a través de paneis nos que se poderán ver fotografías e un texto informativo sobre cada un deles. Estes situaranse nun espazo exclusivo para o Salón de Innovación Enerxétika (SIE).